Catro anos depois de que Fraga revalidase a sua maioria absoluta por terceira vez consecutiva, a cidadania gallega afronta os comícios vindeiros con certo pesimismo, cando non franca apatia. Non é para menos. A lexislatura que ven de rematar deixa un pobre balanzo: a crise do seitor pesqueiro e das vacas tolas, o clientelismo político e a manipulación eleitoral, o aumento das distáncias co resto do Estado e euro-rexións, unha administración paralisada, unha cultura política tan duvidosamente democrática como a defensa pública de Pinochet, servizos sociais privatizados, unha opinión pública subsidiária e cercenada, criminalización do nacionalismo democrático, destrución sistemática do meioambente e "desfeita" urbanística, infraestructuras básicas que nunca chegan... ou rematan. Galiza non está para festas. Mas se esta situación era de esperar (até certo punto) con Fraga no governo, non o deveria ter sido (e o foi), o papel da oposición.
En 1997 houvo na Galiza un importante cámbio na oposición froito dunha curiosa combinación de esperanza e desesperación da esquerda galega: desesperación por saber de antemán que non seria doado botar a Fraga do poder que detenta grácias ao clientelismo e o abuso dos méios de comunicación; esperanza, pois non foron pouc@s @s que pensaron que talvez o BNG lograse aquilo que non foi capaz de fazer o PSdeG-PSOE. A desesperanza da esquerda nascia daquela e segue a nascer agora dunha certidume: o actual sistema político benefícia à direita no poder. En efeito, aos mecanismos do réxime político (lei eleitoral cun límite do 5%, reparto provincial de escanos, etc.) e a un sistema de méios de comunicación hexemonizado polo subvencionado Grupo Voz e a "pública" RTVG engade-se unha espallada cultura política clientelar e autocrática, froito de décadas de auséncia de participación política. Tal é a lóxica política que impediu (e impedirá) à Social-democracia voltar ao poder a médio e longo prazo (non estaria de mais lembrar –salvando as distáncias– o exemplo de Baviera, onde a CSU governa desde há mais de médio século). Tal foi, asemade, o motivo polo que a esquerda na Galiza se decantou a prol do Bloco. A ninguén escapa que boa parte do seu eleitorado discrepa abertamente das teses etnonacionalistas maioritárias, da cultura autocrática característica do "despotismo asiático" (Pannekoek) que informa desde a sua orixe à UPG, da profisionalidade e capacidade técnica da sua clase política; etc.,etc... Con todo, para a Galiza política derrotar a Fraga era unha prioridade e o BNG semellava dispór da chave para iso.
A história da autonomia na Galiza é a história dunha participación (non só eleitoral) que non cesou de medrar, a história da recuperación da dignidade cívica un día arrebatada polo fascismo e todo isto foi posível, a pesares de todos os déficites normativos e procedimentais dos que adolece o BNG, grácias à dignificación política das clases traballadoras às que soubo representar con éxito (contrariamente ao seu principal competidor histórico, o PCG). Ao BNG cabe-lle o mérito induvidável de ter mantenido a mobilización social cando os eurocomunistas se pasavan ao PSdeG, rifavan entre si ou voltavan para a casa. A Galiza política, conscente do imprescindível da mobilización para artellar unha alternativa a Fraga soubo recoñecer e premiar este traballo do BNG, igual que soubo castigar sucesivamente a Esquerda Galega, a Esquerda Unida-Unidade Galega, ao PSdeG-PSOE e a todos os experimentos da democracia representativa (evitara-o o BNG?). Outra cousa é saber se a Galiza política considera que o BNG mantivo (ou puido manter) esta liña política nos últimos anos. À vista do acontecido na última lexislatura, non son poc@s @s que se preguntan se o BNG non comezou demasiado cedo, a sua adaptación às estruturas do poder constituido: a actividade institucional do BNG consumiu non poucas das suas enerxias nun traballo político cada dia mais alonxado da Galiza política (illamiento parlamentário, representación de intereses do empresariado galego –entrevista de Beiras e Nogueira con Amancio Ortega/Zara–, etc.) e, xa que logo, da sua tradicional fonte de poder político (perda de peso nos novos movimentos sociais, moitas veces a prol do independentismo, actitudes ambigüas respecto à folga xeral e antiecoloxistas na crise das vacas tolas, etc.). O próximo mes de Outubro a Galiza política terá a última palavra.